Proxecto

You are here: Home / Proxecto
  • Presentación

    O proxecto LIFE REGENERA LIMIA implementará un conxunto de técnicas demostrativas para reducir a presenza de nutrientes, fundamentalmente de orixe agropecuaria, nas masas de auga da comarca da Limia.

    O obxectivo principal é demostrar a viabilidade e a eficiencia dun enfoque innovador que integre medidas preventivas e de rexeneración dun sistema fluvial altamente modificado nunha comarca con gran concentración agropecuaria, contribuíndo a cumprir cos obxectivos medioambientais da Directiva Marco da Auga.

Obxectivos secundarios

XESTIÓN

Demostrar que é posible unha mellor xestión medioambiental dos terreos agrarios mediante a optimización do uso de fertilizantes de orixe orgánica a través dun sistema de control integrado de condicións edafolóxicas. Isto significa que é posible mellorar os resultados económicos e minimizar os riscos ambientais.

SOLUCIÓNS

Desenvolver solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros e reducir o seu impacto no ambiente, apostando por brañas artificiais intensivas de macrófitos como forma natural de depuración. Determinarase a efectividade deste sistema así como a axeitada relación de custo-eficiencia das técnicas aplicadas.

RECUPERACIÓN

Demostrar que a recuperación ambiental de leitos fluviais modificados e a rexeneración e reconexión de sistemas de lagoas son opcións viables que contribúen a reducir a presenza de nutrientes na auga e a eutrofización, á vez que se recuperan os ecosistemas locais, de especial transcendencia en espazos incluídos na Rede Natura 2000.

INFORMACIÓN

Mellorar a información entre o colectivo de gandeiros e de agricultores e outros profesionais relacionados co sector agropecuario en cuestións relativas á fertilización e uso de fertilizantes, sensibilizar sobre o efecto que estes teñen no solo e a auga da comarca e ofrecer ferramentas e asesoramento que faciliten un menor impacto da actividade agropecuaria no medio.

IMPACTO

Promover o impacto ampliado dos resultados obtidos, tanto a nivel local coma comarcal, implicando para iso a todas as partes interesadas e facéndolles partícipes deste, contribuíndo a facer visible o Instrumento LIFE+, a un nivel máis amplo dentro e fóra de Galicia, cooperando con outros axentes a nivel europeo que persigan tamén mellorar a calidade da auga e a boa xestión do recurso en zonas agrarias.

Socios