A Comarca da Limia, situada na provincia de Ourense, debe a súa entidade e configuración á súa historia xeolóxica, xa que parte da comarca está situada nunha depresión tectónica de orixe terciaria, que posteriormente foi ateigada de sedimentos durante o Cuaternario.
Como recordo desta historia xeolóxica, conservouse a antiga lagoa de Antela cunha extensión de 42 km2, ata que na década dos anos 50 foi desecada para o aproveitamento agrícola das súa terras. Este desecamento modificou profundamente a rede hidrográfica da bacía media do río Limia, mediante a canalización e a rectificación do propio leito e a construción de numerosas canles de desaugadoiro, coa conseguinte perda das chairas aluviais orixinais.
Na actualidade, a comarca é un dos territorios galegos de maior produción agrícola, con cultivos de pataca, millo e cereal, e hortícolas extensivos. Engádese ao desenvolvemento do sector gandeiro, dado que na última década a gandería da comarca ten un importante peso na economía rexional, pola instalación de numerosas granxas de cría intensiva de gando vacún e porcino e de aves. Este acentuado carácter rural é o que marca a súa actual configuración.
Por outra banda, no sur do que no seu día foi a lagoa de Antela na década dos 70, instaláronse varias empresas dedicadas á extracción de area de excelente calidade e moi apreciada na construción, actividade que xerou novas zonas húmidas, neste caso artificiais, que intentan emular a antiga lagoa.
Ecoloxicamente, a maior parte da comarca da Limia pode definirse como un ecosistema agrario pseudoestepario de chaira cerealeira, onde habitan multitude de especies representantes deste ecosistema. Gran parte da súa superficie está incluída na Rede Natura 2000 a través de dúas figuras de protección: a Zona de Especial Protección para as Aves de ZEPA “A Limia” e a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “Veiga de Ponteliñares” onde ten especial relevancia o ecosistema fluvial do río Limia.
Augas abaixo da comarca sitúase o encoro das Conchas, destinado á produción hidroeléctrica, no que se recollen e reteñen temporalmente as augas do río Limia e os seus tributarios. Este encoro acolle unha abundante actividade turística e recreativa, polo que é esencial o mantemento da calidade das súas augas.