A CHMS fomenta o uso de boas prácticas ambientais a través do programa Life Rexenera Limia cunha campaña informativa dirixida a agricultores, gandeiros e outros sectores interesados da comarca limiana

A CHMS fomenta o uso de boas prácticas ambientais a través do programa Life Rexenera Limia cunha campaña informativa dirixida a agricultores, gandeiros e outros sectores interesados da comarca limiana

O obxectivo é sensibilizar e informar ós sectores de produción que exercen maior presión sobre o medio ambiente e a calidade das augas

Estas actividades están a ter moi boa acollida entre os profesionais da zona

13 de xullo de 2015- O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), está a realizar unha campaña de sensibilización e información ambiental, incluída no proxecto europeo Life Rexenera Limia, dirixida aos sectores de produción que teñen maior influencia sobre o medio ambiente e a calidade das augas da comarca da Limia e dos que se pretende a máxima colaboración para a súa mellora e conservación.

Accións de concienciación e sensibilización ambiental para a súa mellora e conservación.
Desde a posta en marcha deste programa realizáronse 116 visitas a granxas avícolas e 80 granxas porcinas situadas nos 11 Concellos que conforman a Comarca da Limia.

Pola súa banda, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), realizou un labor de asesoramento e información sobre boas prácticas agrícolas entre 85 dos profesionais da zona, aínda que, esta cifra incrementarase durante a próxima época de abonado durante os meses de outubro e novembro.

Creación do Grupo Local de Partes Interesadas
O pasado 28 de marzo, cincuenta representantes procedentes das 37 asociacións, Concellos e empresas interesadas, situados na comarca limiana, asistiron ao “Grupo de Traballo de Partes Interesadas” na que se lles informou, detalladamente, dos obxectivos que persegue o proxecto e das actuacións concretas que se desenvolverán no mesmo, fomentando ademais a importancia de ser conscientes do impacto que producen no medio ambiente algunhas prácticas inadecuadas da súa actividade.
No mesmo encontro, os grupos ecoloxistas da zona mostraron a súa preocupación pola situación que sofre actualmente A Limia así como a necesidade de resposta e compromiso, tanto por parte da Administración Pública, como por parte das empresas produtoras de produtos cárnicos, gandeiros e agricultores.
A xornada, que contou cunha gran resposta e acollida entre os asistentes, pechouse cunha mesa redonda na que os participantes puideron expoñer as súas inquietudes e resolver dúbidas, dándose por constituído o Grupo Local de Partes Interesadas do proxecto, integrado por 29 membros.

De forma periódica realizaranse novas convocatorias aos integrantes do devandito grupo para informar dos avances do proxecto, así como para manter un intercambio mutuo de información que permita a continua mellora do proxecto, estando prevista a seguinte reunión para setembro de 2015.