Charcas de area

Acción B4

Recuperación e integración no ciclo hidrolóxico de charcas de area abandonadas para a xeración dun sistema lacunar que potencie a capacidade de filtrado do curso fluvial

SOCIOS RESPONSABLES DA ACCIÓN
ACTIVIDADES
  • As marxes da canle da lagoa de Antela atópanse fortemente antropizadas e alteradas pola actividade mineira de extracción de areas, que deron lugar á existencia de numerosas charcas abandonadas desconectadas do leito fluvial.
  • Esta actuación levará unha experiencia demostrativa consistente na restauración e a recuperación de charcas de antigos areeiros abandonados e a súa posterior conexión hidrolóxica-hidráulica co leito da canle, co que se xerará un sistema lacunar co que se aumentarán os períodos de retención da auga.
  • Isto permitirá unha asimilación de nutrientes e materia orgánica presentes nelas como son as diatomeas, microalgas, macrófitos e plantas helófitas típicas destes ecosistemas, o que xera nova biomasa dispoñible para a ictiofauna e as aves, potenciando, ao mesmo tempo, a figura de protección da ZEPA da Limia.
  • O obxectivo é integralas no ciclo hidrolóxico e permitir o desenvolvemento de procesos biolóxicos que favorezan a redución de nutrientes presentes nas augas.

resultados

  • Realizáronse obras de conexión entre ambas as charcas e a canle, coa construción dun total de tres pasos na vía da marxe dereita da canle con marcos prefabricados: un dá paso á auga desde a canle ás charcas, outro de conexión entre ambas as charcas e un terceiro para dar saída á auga circulante.
  • Os tres pasos integráronse ambientalmente con leito de pedra no seu interior e con plantación de estacas de salgueiro nos noiros próximos, para provocar que sexa a propia vexetación a que colonice os noiros modificados polas obras.
  • Melloráronse os ecosistemas existentes creando dúas plataformas de inundación progresiva, para promover que sexan colonizadas por comunidades vexetais higrófilas adaptadas a períodos de inundación e especialistas na retención de nutrientes da auga.
  • Instaláronse tres illas flotantes, montadas sobre un perímetro ríxido sobre flotadores, ancoradas ao fondo para evitar o seu desprazamento.
  • Poboáronse con especies vexetais macrófitas (especialistas en depuración) previamente recollidas das balsas adxacentes á canle da lagoa de Antela. A parte interna das illas está forrada cunha dobre malla de coco con propágulos de diferentes especies Typha latifolia, Glyceria declinata, Lythrum salicaria, Sparganium erectum subsp. Neglectum, Polygonum hidropiper e Apium nodiflorum para tratar de conseguir illas con elevada biodiversidade.
  • Esta actuación atópase en zona ZEPA da Limia (ES010ZEOPAES0000436), polo que se realizou un seguimento ambiental exhaustivo na execución das obras para crear os menores impactos posibles, así como para realizar un seguimento faunístico nas propias charcas.

Guía para a recuperación e integración no ciclo hidrolóxico de charcas xeradas tras a actividade do sector arenero

Xunta de Galicia

Evolución da calidade das augas

Estase realizando un seguimento das taxas de redución de contaminantes a través da evolución da calidade da auga, tanto os parámetros fisicoquímicos como os biolóxicos, así como un seguimento da evolución dos ecosistemas tendo en conta avifauna, flora e herpetofauna. A continuación expóñense os resultados detectados ata o momento:

  • Para o seguimento das actuacións tómanse mostras periódicas á entrada e á saída das lagoas artificiais, así como nos mesmos puntos na propia canle da lagoa de Antela para comparar as taxas de redución de nutrientes realizadas polas lagoas fronte ao que acontece na canle.
  • Comprobouse que os compostos de fósforo (fosfatos e fósforo) teñen unha redución máis efectiva tras o seu paso polas lagoas debido á presenza de flora acuática que consome este tipo de compostos.
  • Respecto ao amonio total, nos últimos meses o comportamento é bastante máis positivo tras o paso polas charcas, o que pode ter relación cunha maior oxidación do amonio na charca que na canle.
  • Respecto a outros compostos como a materia orgánica (DBO5), nitritos e nitratos non se obtiveron resultados concluíntes.
0
18
%

amonio total

0
15
%

fosfatos

0
34
%

fósforo

0
6
%

nitritos

  • En canto á mellora da calidade da auga a través da análise da biodiversidade de especies, os resultados dos indicadores de macrófitos e algas diatomeas son positivos, así como o valor elevado da clorofila obtido. Estes resultados estarían indicando o desenvolvemento de flora acuática como consecuencia das achegas e o consumo de nutrientes.
  • Os resultados son esperanzadores e permitirían demostrar que se están alcanzando parte dos obxectivos do proxecto consistentes en favorecer a retención de nutrientes de forma natural.

Evolución dos biotipos xerados

  • A vexetación de marxes e ribeiras está a evolucionar de forma correcta, e a situación actual das illas artificiais instaladas é óptima, tanto en cobertura vexetal como en biodiversidade de especies vexetais.
  • A raíz dos traballos de seguimento ambiental comprobouse a presenza de especies de aves, como mergullóns pequenos, garzas reais ou biluricos alinegros, que visitan as lagoas e utilizan as illas flotantes como áreas de descanso, polo que se considera que están plenamente naturalizadas no contorno. Tamén se detectou a cerceta común, especie de anátido cuxa poboación que aniña en Galicia está incluída no Catálogo galego de especies ameazadas como “en perigo de extinción”. A lontra tamén utiliza estas lagoas como área de alimentación, depredando entre outras especies consideradas como invasoras: caranguexo americano e carpa. Estes datos corroboran que, malia que as lagoas teñen unha orixe artificial, a fauna colonizou as súa augas e diferentes hábitats.
  • A maior parte das actuacións non son relevantes para a herpetofauna da zona, debido a que a gran profundidade dos areeiros e a elevada pendente do noiro non favorecen a presenza de anfibios e réptiles na zona. Porén, estas zonas húmidas si que son adecuadas para especies heliófilas, como é o caso da ra común (Pelophylax perezi) e a ra de Santo Antón (Hyla molleri). As zonas próximas son adecuadas para especies de réptiles, como as cobras acuáticas -cobra de auga de colar (Natrix astreptophora) e a cobra de auga viperina (Natrix maura)- ou o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), que utilizan estas zonas húmidas soleadas con maior frecuencia. As illas flotantes proverán dun novo hábitat para as especies máis heliófilas, en concreto, Hyla molleri e Pelophylax perezi.
  • Coa conexión hidráulica e a mellora das lagoas coa canle, espérase que siga aumentando a biodiversidade específica e interespecífica.